Esto é o que buscamos dende a Asociación. INSPIRAR a colexios e outros colectivos con nenos a que veñan desfrutar desta Traskiaventura pola Costa da Morte. Esta é a crónica feita polo CPI A Picota.
Chegou maio e mirando o almanaque por esta inestabilidade meteorolóxica, marcamos unha data para a excursión de fin de curso. Unha saída de confraternización entre o alumnado de primaria e infantil do CPI A Picota, aqueles que máis conviven todo o curso xuntiños/as e co obxectivo de prolongar esta relación nunha xornada fóra do cole.
Daquela, eliximos o Camiño dos Faros, unhas rutas de sendeirismo que poñen en valor a área da Costa da Morte.
Saímos todos de Camelle, onde o museo de Man capitalizou a nosa atención e a partir de aí camiñamos en función das idades.
Primeiramente os rapaces/zas de infantil merendaron para despois visitar o pobo e disfrutar a pé do entorno da zona. Entre os parques, o museo e as construcións típicas da beira do mar pasaron as horas da mañán.
O alumnado de primeiro e segundo de primaria acompañou ao resto de excursionistas do cole ata a Praia de Arou, alí quedaron enredando no parque ata repor forzas para facer o percorrido de volta. Camiñaron estes, sobre tres quilómetros.
Os máis maiores da etapa, é dicir, 3º, 4º, 5º e 6º foron desde Camelle ata Punta Lobeira, algo máis aló de Arou e que representa un enclave da zona por ser un saínte marítimo onde o mar revólvese de máis e cunhas vistas excepcionais. En total, na ida e na volta andiveron uns 6 quilómetros, observando percebeiros, a recollida de alga para cosméticos, a vexetación característica do litoral marítimo, os cantís, as praias abertas da costa e como a vida nun pobo costeiro xira en torno ao mar.
En voltando os da ruta longa, reunímonos todos/as en Camelle para ir desde aí ao merendeiro do Ariño no lugar Xaviña. Alí, entre a arboleda, as mesas e bancos dispuxémonos a comer, xa con moita fame para despois xogar no merendeiro e na praia. Dicir que levamos material de ocio e tempo libre para que, por grupos ou de xeito individual, se organizasen e disfrutasen do resto da xornada.
O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo de 200 quilómetros que une Malpica con Finisterre pola beira do mar. Un camiño que ten o mar como maior protagonista e que pasa por todos os faros e principais puntos de interese desta Costa da Morte. Percorre moitas paisaxes diferentes, sempre mirando cara ao mar e cara ao oeste:faros, praias, dunas, ríos, cantís, bosques, estuarios cunha gran cantidade de aves, mares de granito, castros, dólmenes, vilas mariñeiras, miradoiros ao mar que rompe de todas as formas posibles, postas de sol… que levará ao camiñante a un mundo de sensacións únicas que só se poden gozar nesta Costa da Morte.