Descrición
Cetáceo de pequeno talle que pode chegar a medir 2 m. As femias son lixeiramente máis grandes que os machos. O peso entre individuos varía, pero pode chegar aos 70 kg.
Trátase dunha especie de corpo repoludo e robusto, con fociño romo e curto. Na cavidade bucal obsérvanse de 19 a 28 pares de pequenos dentes. Pasada a metade do corpo sitúase unha aleta dorsal baixa e triangular. Presenta unha coloración xeral gris escura no dorso e abrancazada no ventre.
Reprodución
Os individuos novos acadan a madurez sexual entre os 3 ou 4 anos. Os apareamentos prodúcense entre maio e setembro. Tras ser fecundada a femia, a xestación dura un período de 10-11 meses, despois do cal a femia pare a súa cría afastada da costa. O período de lactancia nesta especie adoita durar ata 8 meses, aínda que os novos permanecen xunto a súa nai ata o nacemento da seguinte cría.
Alimentación
A dieta varía en función da súa distribución. Xeralmente aliméntase de luras e pequenos grupos de peixes (salmón, sardiña ou xarda), aínda que tamén se alimenta de crustáceos e krill.
Hábitat
Gústanlle as augas frías e pouco profundas próximas á costa, aínda que en ocasións pode afastarse. Tamén a podemos encontrar en baías pouco profundas e esteiros.
Distribución
No Atlántico norte, encóntrase desde a costa leste de Estados Unidos e Senegal ata as costas de Grenlandia e Siberia. Na península é frecuente en augas do norte de Portugal, Galicia e metade occidental do Cantábrico.
As poboacións realizan algúns desprazamentos estacionais case sempre na busca de alimento, xeralmente achegándose á costa no verán e afastándose dela no inverno.
Estado de conservación
Non se dispón dunha estima da abundancia desta especie en augas ibéricas, aínda que todo indica que se atopa en franca regresión e hoxe é rara en augas onde antes era abundante. Extinta no Mediterráneo.
A súa principal ameaza é a captura accidental en artes de pesca. Tamén supón unha ameaza, dado o carácter costeiro da especie, a crecente degradación dos ecosistemas litorais.
A súa protección pasa pola limitación e regulación das artes de pesca que lle producen danos á especie, ademais dun estrito control sobre os vertidos de produtos contaminantes.
Categoría de conservación
Vulnerábel.
Nome común Toniña
Nome científico Phocoena phocoena
Clase Mamíferos Familia Phocaenidae