Morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum)

Descrición

Trátase do morcego máis grande do seu grupo, pois pode medir ata 380 mm de envergadura cando voa coas ás ben abertas. O seu corpo chega a alcanzar os 70 mm de longo. O seu peso, maior nas femias, pode ser de 27 g.

Presenta o corpo cuberto por un pelo denso, de tacto semellante á la, de cor cinza pola zona dorsal, máis claro na parte ventral, ás veces con certos matices amarelos.

Resulta característica unha protuberancia nasal en forma de ferradura de cabalo. Ten orellas anchas coas puntas recurvadas.

Reprodución

Unha vez chegados á madurez sexual, os apareamentos suceden ao longo do outono e incluso en inverno. A xestación do novo individuo coincide co inicio da primavera e os nacementos teñen lugar nas primeiras semanas do verán. O desenvolvemento das crías é moi rápido, pois xa comezan a voar a partir dos 15-20 días de idade.

As femias presentan dúas mamas pectorais coas que aleitan a súa cría mentres permanecen colgadas nos seus lugares de repouso.

Hábitat

Gústanlle especialmente os bosques con espazos abertos. Os refuxios que utiliza son case sempre covas, minas ou túneles durante o inverno para a súa hibernación; na época de actividade prefiren os sobrados, faiados e bodegas.

Alimentación

Caza insectos de mediano e gran tamaño, sobre todo bolboretas nocturnas, escaravellos e saltóns, para o que utiliza un sofisticado sistema de ecolocalización por medio de ultrasóns.

Distribución

A maioría das nosas poboacións encóntranse na provincia de Ourense, ligadas ao curso do río Miño, certas zonas próximas da provincia de Pontevedra e só unha poboación resistente no sur da provincia da Coruña.

Estado de conservación

A remodelación e rehabilitación inadecuadas de edificios históricos, a ruína de casas e outras arquitecturas utilizadas como refuxio ou como espazo de cría (minas, covas…), e incluso o uso indiscriminado e non controlado de insecticidas contra a couza da madeira e outros insectos xilófagos.

Categoría de conservación

Vulnerábel.

Nome común Morcego grande de ferradura
Nome científico Rhinolophus ferrumequinum
Clase Mamíferos Familia Rhinolophidae

Un paisaje en cada paso