Despois da experiencia da primeira etapa, o sábado 5 de Maio en Camariñas continuamos este I Camiño dos Faros Infantil, no que un pequeno grupo de nenos de 6 a 12 anos acompañados de seus pais e nais fixeron outro tramo do Camiño dos Faros cheo de maxia e aventuras.
Como a aventura anterior sóubonos a pouco, voltamos a por máis… Así foi como o sábado, 5 de maio, o epicentro da Costa da Morte vestiuse de medio cento de nenos ávidos de andanzas, riscos, ilusión…
Prometía unha tardiña solleira agarimada polo vento Nordés. Acompañounos desde o camiño de cascallo enriba da Praia do Trece ata a nosa chegada ao maxestuoso Cabo Vilán.
Alá polas tres ou tres e cuarto da tarde comezaron a chegar os primeiros Trasniños á plaza do Curbeiro, en Camariñas, e ao ver aos Traskiaxudantes puxéronse moi inquedos.
Dous autobuses leváronnos ao noso comezo, a Praia de Trece. Traski preparounos un mapiña cunha serie de puntos onde atopariamos información e probas pero xa dentro do autobús, falounos para dicirnos que participaramos en grupos, nenos e pais, se queriamos conseguir o seu reto. Parece que Traski non é de ir ás carreiras… Gústalle máis a colaboración.
Ao baixar do autobús tivemos que arrancar cara ao Sur e a poucos metros de alí, xa atopamos a primeira pistiña.
Falábanos da grandiosa duna rampante do Monte Branco, das caramiñas que xogan coas píllaras das dunas e da Praia do Trece. Que imaxe tan fascinante desde aquel lugar. O maxín vai só: á vez que se marabillaba coa visión do mar naquela praia e naquelas rochas, sofría a perda das vidas daqueles 172 mariñeiros do Serpent…
De camiño cara ao Cemiterio dos Ingleses fomos facendo grupos de conversa e aventura. Buscabamos a seguinte pista, a seguinte proba… Algo que nos levara a algunha parte… Pero tampouco vou dicir que a búsqueda fose en van porque as imaxes do lugar xa non se borrarán das nosas cacholiñas.
Foi no Cemiterio dos Ingleses onde dous Traskiaxudantes convertidos en humanos fixéronnos a nosa primeira proba…
Había una pista con información sobre o Cemiterio dos Ingleses, o Serpent e a Praia de Trece. Despois, a Traskiaxudanta Ceci, para que puideramos entrar no lugar sagrado, facíanos unha preguntiña sobre o que Traski nos levaba contado desde a nosa chegada a Camariñas. Se fallabamos dábanos outra oportunidade con outra pregunta. Todos conseguimos superar o reto, aínda non sabemos se porque respondemos ben ou porque son trasniños fedellos pero bos, os Traskiaxudantes.
Dentro do Cemiterio, o Superaxudante Ramón, facíanos a proba divertida: xogar ás palabras encadeadas. Se algún de nós dicía algunha palabra que tivera que ver coa Costa da Morte, levaba doble Traskipunto.
Participabamos en grupos de dez persoas ou máis: cinco nenos e cinco adultos. E superando a pregunta e a proba divertida, cada un de nós gañou un Traskipunto. Ben!!! Xa tiñamos un e só nos quedaban… cinco!!!
Seguimos camiñando pola beira do mar, mirando ao lonxe a Punta do Boi, onde Traski dixéranos que naufragara o Serpent… Daba pena e, á vez, era máxico…
Iamos moi atentos e seguindo o mapa, que nos dicía que habiamos atopar unha áncora con máis información. Así foi. E… vaia áncora! Era máis grande ca os nenos! Pois alí atopamos a pista seguinte. Falaba do barco que levaba esta áncora enriba, o Prima. Alí foi parar no ano 2014 pero xa non queda del máis que ela. Dicía que habiamos atopar, de novo, a outro Traskiaxudante e… así foi…
De feito non atopamos un Traskiaxudante, atopamos a catro Traskiaxudantas. Marta e Lía fixéronnos lembrar o que Traski nos contara ata o momento e a súa proba foi xenial pois puidemos recoller lixo que non tería que estar alí; dese que di a xente que «trouxo o mar»… pero o mar só bota para fóra o que nos lle botamos para adentro, o que non quere…
Seguimos polas praias de Reira e a seguinte proba encantounos pois os Traskiaxudantes Ramón e Ceci deixaron que o noso maxín voara construíndo barcos na area, con materiais que o mar tampouco quere… Algúns naufragaran, outros estaban chegando a porto, outros tiñan dous timóns… Quen sabe? Quizais Traski estábanos a guiar metendo nas nosas cabeciñas imaxes do Serpent, do Prima, do Prestige, do Iris Hull…
Un pouquiño máis adiante dúas Traskiaxudantas noviñas, Duna e Mencía, facíannos pensar sobre a orixe do “Foxo do Lobo” nese lugar. Acertamos aínda que con algo de axuda dos trasnopapis.
O ascenso a Cabo Vilán non foi un obstáculo para nós e mentres xogabamos polo camiño coas casiñas de reunións dos trasnos e argallabamos ideas para poder ver a un deles, chegamos ás dúas seguintes probas. Traski fíxonos saber que o Cabo Vilán pódese chamar así por dúas razóns… Foi interesante sabelo e por certo, grazas a esa información percatámonos de que Vilán de Fóra é o fogar por excelencia das gaivotas.
Coñecemos o cormorán e tamén o arao común. Ou polo menos tentamos velos.
E xa estaba a rematar a Traskiaventura desta ocasión pero aínda faltaba unha das probas máis «costamorteña»: ordenar os faros de toda a Costa da Morte. Cada un deles sonaba tan ben coma o anterior pero Faro Vilán co seu irmán pequeno, o facho, levouse a palma.
A subida a Vilán foi emocionante pois chegabamos á fin do noso reto, á fin dunha Traskiviaxe máxica, á fin dun día cheo de ilusión, sentimento, emoción…
Traski sempre nos recompensa. Pero coma sempre, esa recompensa é un segredo entre el, os seus Traskiaxudantes e nós. E se queredes saber máis, vide e vivídeo, TRASNIÑOS!