O sábado 21 de Abril comezamos en Camelle este I Camiño dos Faros Infantil. En total, 38 nenos e 42 adultos que, acompañados da maxia de Traski, percorremos o tramo do camiño que vai entre Camelle e Traba nun roteiro circular cheo de natureza e diversión.
Antes de saír, dividimos aos nenos en dous equipos: o equipo azul (de 6 a 9 anos) e o equipo verde (de 9 a 12). Cada un pintouse na cara unha espiral desa cor e recibiu un mapa coas pistas que lle levarían ás diferentes probas.
Pero antes de nada, tiñamos que coñecernos…
Mirando o mapa desta Traskiaventura sabíamos que a ruta era circular e tiña 6 pistas polas que todos tíñamos que pasar.
E o terreo, para empezar, non era fácil: os coídos de Sabadelle e A Señora e a auga dos charcos facíannos estar atentos para non caer.
Polo medio, varios xogos de grupo onde os máis pequechos tiveron que explicarnos as principais normas que hai que seguir para andar pola natureza.
Pero o mellor estaba por chegar, este era o capítulo de Traski nas Grandes Pedras. A partir da tartaruga costeira que todos viron…
… sucedíanse, unhas tras outra, as grandes pedras coas máis diferentes formas. Unha tartaruga, unha serpe, un ollomol, un gorro dun trasno, as mil caras deste impresionante tramo da Señora… que facían voar como nunca a imaxinación dos nenos.
Nenos e pais que, xuntos, superaban as dificultades que lles vai presentando este camiño, saltando entre as rocas en equipo.
A última proba foi na Praia de Camelle cunha pirámide humana na que os maiores tiñan que soster aos máis pequenos para conseguir gañar o reto. Era o que queriamos facer. Xuntar a maxia de Traski con esa convivencia na natureza de nenos e familias dentro do camiño.
A tarde finalizou cuns petiscos de churrasco cortesía do Bar A Molinera e a actuación do Mago Deimi co seu espectáculo de maxia familiar.
Un día moi divertido e do que sobre todo aprendemos moito para seguir desenvolvendo este Camiño dos Faros Infantil que non pretende máis que ser unha inspiración para que educadores, colexios e familias enteiras se poñan as botas e veñan vivir “ao seu aire” esta TraskiAventura pola Costa da Morte.
Vídeo Reportaxe
Reportaxe fotográfico