Descrición: Esta especie de golfiño pode alcanzar os 3,5 m de lonxitude nas femias e ata 4 m nos machos. O seu corpo é dunha cor azul-agrisada e case branca na parte inferior, de forma longa e robusta. Presenta aleta dorsal a miúdo en forma de gancho. As aletas pectorais son moderadamente longas, escuras e finas.
Reprodución: É vivíparo, adoita aparearse en primavera ou verán. Ao cabo de 10 ou 12 meses a femia pare unha soa cría. A nai atende a súa cría polo menos durante 16 meses, debido ao cal se aparea unha vez cada dous ou tres anos, cun macho distinto. A súa lonxevidade pode chegar a ser de ata 60 anos.
Alimentación: A alimentación é costeira e baseada sobre todo nunha variedade de peixes (anchoas, sardiña, etc.), gambas, camaróns, cangrexos, polbos, luras e de invertebrados. A dieta e método de caza variará en función da dispoñibilidade da presa; así, cando os peixes escasean por migracións ou outras causas, os golfiños convértense en cazadores nocturnos para atrapar luras e outros moradores do fondo mariño activos durante a noite.
Hábitat: Vive en augas costeiras próximas, mares abertos e estuarios.
Distribución: Pódese observar en augas temperadas e cálidas de todo o mundo.
Estado de conservación: Protección da especie mediante limitación e regulación das artes de pesca que lle producen danos á especie, ademais dun control sobre os vertidos de produtos contaminantes.
As poboacións costeiras destes animais son cazadas como alimento ou por competitividade cos pescadores en Xapón, África, a India oriental, entre outros. Enmallamento en redes de arrastre e serias afeccións por vertidos contaminantes son os principais problemas que teñen nas nosas augas.Tamén cómpre destacar a ameaza que supoñen algúns delfinarios de certos países, que capturan indiscriminadamente exemplares desta especie para o seu espectáculo.
Categoría de conservación: Vulnerábel.
Nome común Arroaz real
Nome científico Tursiops truncatus
Clase Mamíferos Familia Delphinidae