Descrición
Tamaño bastante grande, pois pode alcanzar os 120 cm de lonxitude e os 150 kg de peso. A cobertura é ovalada, máis longa que ancha e coas marxes serradas. A zona dorsal é castaña ou arroibada, e ten 5 placas vertebrais e 5 placas costais a cada lado. O plastrón ou peto, de cor amarelada, ten 3 placas inframarxinais sen poros. A cabeza é forte e grosa. Aletas dianteiras con 2 uñas e cola bastante curta.
Reprodución
As cópulas acontecen en augas tropicais ou subtropicais. As femias saen á terra pola noite e depositan entre 100 e 110 ovos nun burato feito na area, fóra do alcance das mareas. O sexo das crías vai vir determinado pola temperatura de incubación.
Alimentación
Carnívora. Grazas ás súas poderosas mandíbulas e ao bico cortante, pode alimentarse de animais con casca dura, como cangrexos e moluscos.
Hábitat
Propia de augas cálidas e de alta mar ou zonas costeiras. Pode manter a temperatura corporal varios graos por riba da media, o que lle permite resistir augas máis frías que outras tartarugas.
Distribución
As principais áreas de cría están na zona do Caribe, e nos seus desprazamentos poden chegar mesmo ata as illas británicas. Tamén cría no litoral atlántico marroquí. Pode achegarse moito ás nosas costas, incluso internándose nas rías.
Estado de conservación
É a máis frecuente das tartarugas mariñas nas nosas augas. Aféctanlle os típicos problemas de contaminación mariña (mareas negras, vertidos diversos), sobrepesca, artes non selectivas e caza furtiva.
Categoría de conservación
Vulnerábel.
Nome común Tartaruga mariña común
Nome científico Caretta caretta
Clase Réptiles Familia Cheloniidae