1397305_10202548687094017_4891337162134775995_o

Armeria pubigera subsp. pubigera (herba de namorar)

<<Matricaria Marítima (macela mariña)Chaetopogon fasciculatus subsp. Postratu>>

A empreñadeira ou herba de namorar (Armeria maritima) é unha planta herbácea de folla perenne pertencente á familia Plumbaginaceae. Atópase comunmente nos rochedos da beiramar galega.

En Galiza, ademais da Armeria maritima, típica das dunas, atopamos dúas especies máis de Armeria: a Armeria pubigera dos cantís e a Armeria trasmontana, nos montes.

Descrición
A herba de namorar é unha planta perenne, cunhas fortes raiceiras das que xorden moutas de até 50 cm de diámetro. Medra formando pequenos matos compactos duns 20 ou 30 cm, na parte superior dos cantís e ao longo da costa, ata onde chega o salitre do mar. Tamén o fai nas marismas, xuncais, e en solos xeralmente areosos.

As súas follas son simples, ás veces con algo de peluxe, con forma lineal – lanceolada, estreitas e dunha cor verde intensa.

As flores, de cor branca, vermella, ou lila, únense formando capítulos rodeados de brácteas escabiosas. Aparecen ao final dun talo longo en grupiños que forman glomérulos. De cada mouta crecen varios talo con flores, polo que o aspecto da planta en floración chama a atención. Cada flor adoita presentar un cáliz verde e unha corola de tons entre branco a rosa forte. A súa floración ten lugar no verán, entre os meses de abril e xullo e ás veces durante o outono.

Fóra do seu hábitat natural, emprégase como planta ornamental en xardíns, como tapizante de solos pobres e areosos ou para cubrir espazos entre rochas.

A súa reprodución ten lugar no verán. A herba de namorar espállase por esquexes ou por división de matas a comenzos da primavera. Ás veces forma híbridos coa Armeria pubigera, sendo estes moi díficiles de distinguir.

Distribución
A herba de namorar distribúese ao longo de todo o hemisferio norte, especialmente en Europa.

Hábitat
Medra nos cantís costeiros venteados, zonas de dunas ou en zonas de montaña.

 

Etnografía
Segundo o imaxinario galaico esta planta era boa para remediar o mal de amores. As lendas galegas din que ten que apañarse para a noite de San Xoán, meténdoa no peto ou baixo o traveseiro da persoa que se arele namorar sen que se dea conta; a herba encargarase de facer o feitizo, mais cómpre ter en conta que hai que estar ben seguro da decisión, porque non hai volta atrás.

A herba de namorar utilízase noutras fórmulas máxicas relacionadas co matrimonio e a fecundidade. Quizais veñan de aí os nomes populares cos que se coñece.

A herba de namorar
a herba namoradeira
a herba de namorar
tráiocha na faltriqueira.

O Padre Sarmiento escandalizárase polas prácticas que as mozas galegas facían coa herba de namorar; fixo unha crítica durísima das prácticas namoradeiras no santuario de Santo André de Teixido, tanto desta planta coma doutras, coma os xuncos de ben parir.

Ameazas
As súas poboacións están en serio perigo de desaparición pola destrución dos ecosistemas costeiros e pola introdución de especies vexetais alóctonas e invasoras, coma a herba do coitelo.

 

 

Un paisaje en cada paso


Notice: ob_end_flush(): failed to send buffer of zlib output compression (1) in /usr/home/caminodosfaros/www/wp-includes/functions.php on line 3549

Notice: ob_end_flush(): failed to send buffer of zlib output compression (1) in /usr/home/caminodosfaros/www/wp-includes/functions.php on line 3549