140708_galiciaconfidencial

O Camiño dos Faros en Galicia Confidencial

A xornalista Ursula Neilson fai unha crónica do Camiño dos Faros pra Galicia Confidencial.

Iniciativa cidadá para gozar a Costa da Morte

Fai dous anos seis amigos saíron a camiñar co único obxectivo de unir Malpica con Fisterra pola beiramar. Tras uns meses conseguiron abrir un espectacular sendeiro de 200km que bautizaron como o Camiño dos Faros. Grazas ao seu labor de difusión na rede, este ano 2014 ata 700 persoas, adultos e nenos, seguiron nun só día esta ruta que pon en valor o inmenso patrimonio natural e cultural da Costa da Morte.

“Unha paisaxe en cada paso” é o lema promocional do Camiño dos Faros, unha sucesión de praias, dunas, ríos, acantilados, bosques, estuarios, paraxes graníticos, castros, dólmens, vilas mariñeiras, faros…cun nexo de unión constante: o mar.

En coche hai uns 70 quilómetros entre Malpica de Bergantiños e Fisterra. O Camiño dos Faros son 200 km. que recorren a beiramar da accidentada liña de costa que une estes dous municipios. Un perfil forxado polo empuxe do mar temible mais tamén belo, o mar que pon a Morte nesta costa. Os faros son salvavidas neste entorno que pode ser tan hostil para navegantes, pero que só invoca unha imaxe de beleza salvaxe aos que van camiñando de faro en faro.

A diferenza da ruta xacobea que tamén desemboca no cabo do fin do mundo, o Camiño dos Faros é unha iniciativa cen por cen cidadá, que xurdiu en 2012 da motivación dun grupo de “xente da Costa da Morte, cansada de ver gastar cantidades inxentes de cartos en proxecto de moi dubidosa valía” conta o portavoz da Asociación Camiño dos Faros. Por aquel ano, seis amigos saíron a camiñar co único obxectivo de unir Malpica con Fisterra pola beiramar.

Tras varias fins de semana de ruta conseguiran abrir un sendeiro. “Limpamos camiños, abrimos outros que levaban décadas pechados e fixemos unha ruta onde te atopas unha paisaxe en cada paso.” A maioría dos camiños xa existían. Uns eran rutas marcadas que seguen pistas de terra, camiños entre toxos usados por percebeiros ou antigos camiños en desuso, como o que vai dende o Porto de Santa Mariña ata a Praia de Barda.

Unha vez deseñado e percorrido o camiño, os membros da Asociación -que tamén se fan chamar “Os Trasnos”- decidiron dalo a coñecer. En abril de 2013 fixeron unha convocatoria en Facebook para facer o Camiño dos Faros en varias etapas repartidos en varias fines de semana. Chegaron 75 persoas a Fisterra xunto á asociación, grazas ás redes sociais e ao boca a boca que difundiron o evento.

Na segunda convocatoria chegaron a camiñar xuntos máis dun centenar de persoas. E na terceira convocatoria, de febreiro deste ano, saíron de Malpica 427 camiñantes e participaron ata 700 deles nalgunhas etapas. A próxima convocatoria será en setembro, e seguirase a dinámica de edicións anteriores: unha etapa cada dous domingos. O Camiño dos Faros divídese en nove etapas cunha media de 25km e nove horas de ruta cada un, andando a un ritmo tranquilo de 3 km/hora ou menor.

O portavoz da Asociación explícame a dinámica do evento: “Ti chegas co teu coche ao final da etapa, sobes ao bus e lévate ao inicio. Despois xa tes o teu coche na chegada.” En canto a outros aspectos prácticos, cada un leva a súa comida e a Asociación consegue ofertas nos aloxamentos da zona, para facilitar a participación de xente que vén de lonxe, “que é moita”, afirma.

Polo demais, participar neste evento da Asociación Camiño dos Faros non ten custe algún, salvo os 3 euros do bus. A promoción do camiño fana os membros da Asociación sen ánimo de lucro. “Non recibimos nin queremos ningunha subvención. Este é unha ruta de xente para xente. Todo o traballo é por conta nosa e o financiamento vén polas cotas dos socios da Asociación, dez euros ao ano, e a venta de merchandising.”

Ese afán desinteresado de poñer en valor a Costa da Morte levou á Asociación Camiño dos Faros a colgar en internet toda a información sobre a ruta: descricións das etapas, perfís en Wikiloc e Google Maps, puntos de interese turístico e detalles de posibilidades de alimentación e aloxamento (as etapas están deseñadas para acabar en vilas con todos os servizos).

A Asociación tamén se encargou de sinalizar todo o camiño con frechas e puntos verdes. Como resultado, é perfectamente viable facer o Camiño dos Faros por conta propia. “É fácil de recorrer pero sempre recomendamos baixarse o track para recorrela con mais seguridade.” En todo caso, como me sinalou o portavoz de “Os Trasnos” tras as miñas múltiples preguntas sobre o Camiño dos Faros, “tedes que vir facelo que é moi difícil de explicar con palabras!”

Toda a información está na web do Camiño dos Faros e tamén no seu perfil de Facebook.