130502-codigo-cero

Código Cero faise eco do Camiño dos Faros

A andaina colectiva para unir Malpica e Fisterra pola beira do mar deixa fondas pegadas na Rede

O Camiño dos Faros é unha iniciativa dupla de mobilidade e reivindicación. Un percorrido que se fai fisicamente e que vai trazando na Rede o seu reflexo perdurábel. Máis polo miúdo, no blog de seu, un espazo en liña que amosa en detalle todo o relacionado con este itinerario colectivo para promover e defender a conservación e a utilidade dos vieiros que unen pola beiramar unhas vilas con outras na Costa da Morte dente tempos que se perden na memoria. Asemade, o proxecto incide na Internet sen renunciar a tirar proveito do que esta lle envía. De feito, detrás da iniciativa atópase un grupo de persoas que, coma unha rede social, descobre en cada sesión-andaina a suma de novos camiñantes.

O Camiño dos Faros, máis en detalle, é unha iniciativa para unir Malpica e Fisterra pola beira do mar. En total, son 200 quilómetros que conectan tódalas rutas existentes e que, en palabras dos trasnos (os responsábeis desta andaina cada vez máis multitudinaria), “dánlles ademais un sentido”. Cada sección do blog e do espazo en Facebook da iniciativa é unha etapa diaria que se percorre sen outra axuda que as pernas de cada quen. Acompáñanse os detalles descritivos de cada etapa con múltiples imaxes feitas a pé de campo e dun xeito colectivo, seguindo o espírito de participación da proposta.

A ruta comezou en Malpica o domingo 28 de abril, con 22 trasnos/as de diferentes idades e procedencias: Coruña, de Carballo, de Malpica, de Baio, de Corcubión, de Vigo, de Monforte, etc. O resultado desta primeira xeira foi como dixemos unha completa reportaxe fotográfica e unha mensaxe ben clara: camiñar é un xeito de reivindicar.

No blog O Camiño dos Faros podemos atopar todo o preciso, a nivel informativo e tecnolóxico, sobre este percorrido. Por exemplo: a ruta ao completo pormenorizada en Wikiloc (podemos baixala e seguila dende o noso smartphone), o itinerario en Google Maps ou as diferentes etapas descritas punto por punto e incluíndo quilometraxes, perfiles, descricións da contorna e múltiples imaxes e informacións sobre as vilas que atoparemos e as praias e cabos que teremos ocasión que percorrer.